Biografía

O Xoán é o proxecto musical do actor e músico Xoán Fórneas (Lugo, 1993), coñecido polo seu papel de Quique en Respira (Netflix) —a serie española máis vista en 2024— e como protagonista de Antes de nós, o biopic de Castelao que arrasou na taquilla no “Ano Castelao” (2025). Na súa carreira audiovisual ten colaborado con directores de gran prestixio, entre eles Rodrigo Cortés nun filme producido por Martin Scorsese, consolidando un perfil artístico con proxección internacional. O nome artístico O Xoán nace no rural lucense tras unha ruptura vital que marcou un punto de inflexión: desde ese regreso ás orixes, está a construír un camiño propio no pop electrónico en galego cunha proposta honesta, emocional e contemporánea.

A historia de O Xoán non é a dun proxecto musical tradicional, senón a evolución natural dun creador que transita con liberdade entre distintas linguaxes —a interpretación, a música, a escrita— para articular un universo artístico coherente e profundamente persoal. As súas cancións son escenas emocionais que dialogan co íntimo e co colectivo, cunha mirada arraigada na identidade galega pero aberta ao mundo. A súa estética sonora combina electrónica minimalista, pop alternativo e un imaxinario simbólico que bebe do territorio, da memoria e das transformacións persoais.

O 28 de novembro, O Xoán estrea Ferido, o seu novo single e videoclip, que marcan o inicio dun capítulo creativo máis maduro e visualmente máis atrevido. Acompañado tamén dunha webserie en clave de comedia que expande o seu universo simbólico, O Xoán consolida un proxecto que busca emocionar, sorprender e conectar co público desde a verdade.
Para máis información, escoitar a súa música ou unirse á súa listaxe de correo, pódese contactar a través das súas redes sociais ou do seu equipo en: info@oxoan.com