BIO

Xoán Fórneas (Lugo, 1993) é actor e músico galego. Coñecido polo seu papel de Quique en Respira (Netflix) —a serie española máis vista en 2024— e como protagonista de Antes de nós, biopic de Castelao que arrasou na taquilla no “Ano Castelao” (2025). Na súa carreira audiovisual traballou con directores de prestixio como Rodrigo Cortés nun filme producido por Martin Scorsese, consolidando un perfil artístico con proxección internacional.

Como artista musical preséntase baixo o nome de O Xoán, un proxecto nacido no rural lucense tras unha ruptura vital que marcou un antes e un despois. Desde ese regreso ás orixes, O Xoán está a construír un camiño propio no pop electrónico en galego, cunha proposta honesta, emocional e contemporánea.


O Xoán é un artista que transita con naturalidade entre diferentes linguaxes creativas, conectando coa súa xeración a través da honestidade e dunha visión cultural que dialoga tanto co local coma co global e en galego.

NOTA DE PRENSA: O Xoán (Xoán Fórneas) presenta "Ferido": Unha Ferida que se baila.

Un debut musical que converte a dor en celebración, a vulnerabilidade en baile e a lingua galega nun espazo de emoción universal.

 

O actor e músico lucense Xoán Fórneas, coñecido polo seu papel de Quique en Respira (Netflix) e por protagonizar Antes de nós, dá un paso decisivo na súa carreira co lanzamento do seu primeiro single como O Xoán.

A canción, titulada “Ferido”, estrearase o 28 de novembro de 2025 e marca o inicio dun proxecto que une pop electrónico, raíz galega e emoción pura, cunha estética que se move entre o poético e o salvaxe.

“Ferido” nace dunha ruptura, pero non se queda na tristura. É unha canción sobre a vulnerabilidade e a forza que xorde cando se comparte o que doe, cando se canta e se baila. Escrita e composta polo propio O Xoán, e producida por Pau Corea (colaborador de Mikel Izal), combina sintetizadores luminosos, unha voz íntima e crúa, e unha enerxía que transforma a ferida nun acto colectivo, case celebratorio.

“Non quería facer unha canción triste, quería facer algo que doese e curase á vez. E se podía curarse bailando, mellor”, explica O Xoán.

O universo visual de Ferido complétase cun videoclip rodado integramente na provincia de Lugo, onde a historia persoal se converte nun ritual comunitario. Alí, un grupo diverso de personaxes —veciños, meigas, corpos feridos, amizades— xúntase nun aquelarre contemporáneo onde a dor se converte en festa.
É un retrato irreverente e emocional ao mesmo tempo: unha especie de rave emocional ao aire libre na que as cicatrices se celebran con orgullo.

Antes do lanzamento do single, O Xoán estrea  “Ferido: O Microdrama”, unha serie de seis clips verticais creados para redes que funcionan como preludio visual e emocional da canción.
A través da comedia, da tenrura e da fráxilidade, o artista mestura humor e melancolía para contar, en pequenas doses, esa confusión entre o que se lembra e o que se esquece.
Estes microdramas servirán como anticipo do universo de Ferido, achegando ao público á súa linguaxe íntima e festiva.

Máis que unha canción, Ferido é unha declaración de intencións: o punto onde a ferida e a esperanza se atopan, onde a emoción e a festa conviven sen contradición.
Desde Galicia, O Xoán propón unha sensibilidade nova: honesta, contemporánea, profundamente humana e festiva.



 

Lanzamento: 28 de novembro de 2025


Distribución: La Cúpula Music

Letra e música: Xoán Fórneas

Videoclip: Dirixido por Irene Montes e rodado en Lugo
Produción musical: Pau Corea (colaborador de Mikel Izal)
Guión e dirección creativa: Xoán Fórneas


Idioma: Galego

Fotos para prensa

MAKING OF: FERIDO (VIDEOCLIP)

O Xoán é o proxecto musical de Xoán Fórneas, actor galego coñecido por Respira (Netflix) e polo biopic Antes de nós. Desde o rural lucense lanza “Ferido”, un debut de pop electrónico en galego producido por Pau Corea, que transforma a vulnerabilidade en esperanza e conecta a identidade galega coa escena global contemporánea.

Videos